Friday 03 de May de 2024

Vinte maiores de Boqueixón desfrutan dun circuíto termal de dúas horas no Hotel Balneario Compostela


Vinte veciños e veciñas de Boqueixón, todos eles maiores de 60 anos, participaron na segunda das tres saídas ao Hotel Balneario Compostela organizadas polo Concello de Boqueixón. Unhas saídas que inclúen a participación nun circuíto termal de dúas horas de duración nas instalacións do balneario brionés, “onde os maiores gozan dos beneficios físicos e psíquicos da hidroterapia nunha contorna de relaxación e natureza”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde, quen compartiu uns momentos con eles antes de partiren cara o balneario.

De 11:00 a 13:00 horas desfrutaron dun completo circuíto termal con dúas piscinas dinámicas con chorros, contracorrentes, fervenzas, camas de auga, jacuzzi e asentos de burbullas. As instalacións complementáronse cun gran baño turco, unha ducha bitérmica, un circuíto circulatorio de pernas, unha ducha de aromas, dúas salas de calor seca, unha de escarcha de auga xeada e unha sala de relaxación con mármores quentes e cromoterapia.

A próxima saída terá lugar o 13 de maio, en horario de mañá, dende a praza do concello. O prezo por participar é de 15 euros por circuíto termal e 8 euros polo autobús. As persoas interesadas en participar deben dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou chamar ao teléfono 981 513 106.

Deja un comentario